Comprácenos anunciar que a Universidade de Vigo acollerá o X Congreso da Asociación de Centros de Linguas no Ensino Superior (ACLES) do 29 de xuño ao 1 de xullo de 2017.

Baixo o título de “O papel dos Centros de Linguas na estratexia de internacionalización das universidades”, o Congreso abordará os seguintes eixos temáticos:

  • Política lingüística e internacionalización
  • Formación específica para a comunidade universitaria
  • Xestión e dirección de Centros de Linguas no Ensino Superior
  • Avaliación e acreditación de competencias lingüísticas

O X Congreso de ACLES convoca o envío de propostas de comunicacións centradas en calquera das áreas temáticas anteriormente mencionadas.

Envío de propostas

Convidamos a todas aquelas persoas que desexen participar no congreso a que envíen unha proposta de presentación de 20 minutos. As propostas non deberán exceder as 300 palabras (bibliografía excluída) e deberán estar redactadas tanto en español como en inglés, as dúas linguas oficiais do congreso. A proposta enviarase como documento pdf ou en formato MS Word (.doc ou .docx).

No documento non se deberá mencionar o nome do autor/a ou autores/as, pois as propostas serán avaliadas por membros do Comité Científico de forma anónima.

No documento, e  antes do texto da proposta, deberá figurar a seguinte información na orde indicada:

  • Panel: de entre as catro áreas temáticas programadas deberase seleccionar o panel ao que vai destinada a proposta.
  • Título da comunicación
  • Palabras crave: Deberanse mencionar un máximo de 5 palabras crave.
  • Lingua da presentación

Aceptaranse un máximo de 2 propostas para a súa  presentación por cada autor/a, inculíndo as propostas conxuntas.

A proposta deberá remitirse como documento adxunto á seguinte dirección: ACLES10@uvigo.es. Tanto o nome do documento como o asunto do correo electrónico será “ACLES 2017_apelidos de autor/a ou autores/as”. No corpo da mensaxe deberán figurar os seguintes datos:

  • Apelidos e nome do/a autor/a ou autores/as
  • Institución á que pertence o/a autor/a ou autores/as
  • Correo-e do/a  autor/a ou autores/as
  • Deberase indicar se para a presentación se precisarán doutros medios técnicos ademais  dun ordenador e un proxector. Faremos o posible para facilitalos, aínda que non   podemos garantizalo.

O prazo de envío de propostas remata o 28 de febreiro de 2017. O prazo para comunicarlles a aceptación das propostas remata o 28 de abril de 2017. As/os autoras/es recibirán a notificación na súa dirección de correo-e.

Información adicional

  • Tempo de presentación das comunicacións: 20 minutos seguidos de 10 minutos para preguntas/debate.
  • Aínda  que o español e o inglés son as linguas oficiais do congreso, poderánse presentar comunicacións noutra lingua sempre que o soporte audiovisual e/ou escrito estea en inglés ou español. Non se dispoñerá de servizo de interpretación.
  • O autor/a da comunicación (ou polo menos un dos autores/as no caso dunha comunicación conxunta) deberá estar inscrito/a no congreso e efectuar o pago íntegro da cota de inscrición para poder presentar a comunicación.
  • É a nosa intención publicar unha selección de comunicacións do congreso revisadas por pares nun volume que será sometido á consideración de editoriais internacionais.

Calquera consulta sobre o congreso deberá ser dirixida a ACLES10@uvigo.es